VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES
Obxecto
Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión de bolsas de formación, para persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea nas dependencias da Fundación Galicia Europa en Bruxelas (código de procedemento PR770N).
Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa
Poderán optar á obtención das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun estado membro da Unión Europea.
2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar a residencia en Galicia mediante empadroamento.
3. Posuír o título académico necesario para a modalidade a que se presenta a persoa beneficiaria ou xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do devandito título. Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis (6) anos anteriores ao da publicación da convocatoria.
a) Para as bolsas do artigo 3.2.a) de formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega é necesario posuír un título universitario de grao, licenciado/a, enxeñeiro/a ou equivalente.
b) Para as bolsas do artigo 3.2.b) de formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos, é necesario posuír un grao ou licenciatura en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.
c) Para as bolsas do artigo 3.2.c) para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo é necesario posuír un título de técnico superior de formación profesional na familia profesional de Administración e Xestión (Administración e Finanzas, Asistencia a Dirección ou Secretariado).
4. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do obxecto desta bolsa.
5. As persoas solicitantes non poden estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
6. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da listaxe de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.
Presentación de solicitudes, prazo e declaracións responsables
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se incluirá como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
2. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que acompañarán á correspondente resolución de convocatoria, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e na resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Na solicitude, que figurará nun anexo da correspondente resolución de convocatoria, inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.
b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Declaración responsable de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a FGE.