CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE
Desenvolvemento das probas
1. A data e hora de realización dos exercicios serán acordados polo tribunal, dentro do calendario publicado na Resolución do 8 de novembro de 2023 e publicaranse na web da Dirección Xeral de Mobilidade cunha antelación mínima de dez días hábiles á celebración do primeiro exercicio, de conformidade co disposto na sección 2ª do anexo V do Real decreto 284/2021, do 20 de abril. O lugar de realización será na cidade de Santiago de Compostela. Sen prexuízo do anterior, a distribución definitiva horaria e espacial das persoas aspirantes poderá ser modificada por decisión do presidente e do secretario do tribunal ata o momento da realización do exame por razóns organizativas.
2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e perderá o dereito a realizar a proba quen non compareza.
3. As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; a súa omisión dará lugar á súa non admisión á realización das probas. Poderán presentarse ás probas convocadas pola Comunidade Autónoma galega con independencia do seu lugar de residencia habitual e do lugar en que realizasen o curso preceptivo, ao abeiro do artigo 18 do Real decreto 284/2021, do 20 de abril.
4. O tempo para a realización do exame será de 2 horas.
5. As respostas correctas valoraranse con 1 punto e as erroneamente contestadas penalizaranse con 0,5 puntos negativos. As preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.
6. Para aprobar será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.
7. Unha vez rematado o exame, publicarase a relación de respostas estimadas correctas, coa maior brevidade posible, na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade.
Durante o día seguinte á publicación da relación de respostas correctas, as persoas aspirantes poderán facer chegar as impugnacións que consideren oportunas sobre as preguntas formuladas e remitilas á/ao secretaria/o do Tribunal a través do seguinte enderezo electrónico: formacion.transportes@xunta.gal. Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións de respostas e respostas, nin se tomarán en consideración as ditas alegacións respecto da revisión de exames.
Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará a relación definitiva de respostas correctas e procederá acto seguido a corrixir os exercicios de acordo con ela.
A relación definitiva de respostas correctas, así como a provisional de aptos/as e non aptos/as, serán publicadas na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade. A partir de entón abrirase un prazo de dous días hábiles para que as persoas interesadas fagan chegar á/ao secretaria/o do tribunal as peticións de revisión; para a súa toma en consideración. As solicitudes de revisión deberán presentarse directamente ante a/o secretaria/o do tribunal, dentro do referido prazo de dous días, mediante a remisión ao enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal
Revisados os exercicios, o tribunal procederá a adoptar o acordo definitivo sobre as persoas aspirantes aprobadas.