martes, 7 de noviembre de 2023

(E-MARTES) USO DE CERTIFICADOS DIXITAIS NA XUNTA DE GALICIA

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2023 pola que se convoca, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a Xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia.

Obxectivos
O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, á autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.
Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

Contidos
A xornada de formación práctica dixital (E-martes) que se desenvolverá o día 14 de novembro de 2023 abordará o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia cunha dobre perspectiva:
• Uso interno nas administracións públicas: certificados de empregado público, certificados de selo electrónico para actuacións administrativas automatizadas e portasinaturas corporativo.
• Cidadanía: sede electrónica da Xunta de Galicia. Proxecto Chave365. Sala electrónica de sinaturas.
Os dous grupos de persoas destinatarias participarán de xeito conxunto na parte teórica da formación que, na súa parte práctica, se adaptará aos requirimentos específicos de cada grupo.

Persoas destinatarias
As persoas destinatarias desta actividade son:
• O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
• A cidadanía: profesionais e persoas interesadas na materia impartida.

Desenvolvemento

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: o martes 14 de novembro de 2023.

Horario: de mañá e tarde.

Duración: 7 horas lectivas.

Número de prazas
Cincuenta (50).

Inscrición
1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava respectivamente. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen (Administración autonómica, para o persoal empregado público da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional, ou Cidadanía, no caso de non ser persoal empregado público).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «nome do curso» a Xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia.
5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 9 de novembro de 2023.
Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.