lunes, 6 de noviembre de 2023

AXUDAS PARA REALIZAR PROGRAMA DE FORMACION DUAL PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL NOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO 2023-2026

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 20 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para realizar o Programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) e se efectúa a súa convocatoria plurianual (2023 a 2026) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento TR341X).

Obxecto e finalidade
O obxecto deste programa é fixar as bases reguladoras e a convocatoria plurianual de subvencións a centros especiais de emprego sen ánimo de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia para realizar proxectos de formación dual baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a formación recibida, no marco do Sistema de formación profesional para o emprego.

Entidades beneficiarias
1. Serán beneficiarias deste programa as persoas físicas ou xurídicas que na data de presentación da solicitude figuren inscritas como centros especiais de emprego no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento, e que na data de presentación da solicitude cumpran as seguintes condicións:
– Estar cualificados como sen ánimo de lucro, de conformidade co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo.
– Contar cun mínimo de dez traballadores e o 30 % deles, como mínimo, debe ter discapacidade intelectual.
– Ter solicitado ante a xefatura territorial correspondente o inicio da actividade formativa para a impartición da formación profesional dual, mediante a contratación por conta allea de persoas con discapacidade intelectual desempregadas, na modalidade de contrato para a formación en alternancia.

Persoas destinatarias finais do programa
As destinatarias finais son persoas con discapacidade intelectual (incluídos trastornos de desenvolvemento) inscritas como demandantes de emprego que non teñan a cualificación profesional requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou para o emprego obxecto do contrato.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Período subvencionable
1. O inicio da actividade será o 1 de outubro de 2023, agás no caso en que os prazos desde que se publique a convocatoria imposibiliten resolver a autorización da actividade formativa nesa data, caso en que ditará resolución a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social en que indique a data de comezo da actividade.
A data máxima de finalización das actividades subvencionables será o 30 de setembro de 2026 ou tres anos despois da data en que se iniciou a actividade formativa.
2. As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e presentar a documentación xustificativa da axuda conforme o indicado nos artigos 26 e 27, nos seguintes prazos máximos ou nos que se indiquen na resolución de concesión, de ser o caso:
Anualidade 2023 (que comprende desde a data de inicio da actividade formativa ata o 31 de decembro de 2023): o 10 de febreiro de 2024.

Anualidade 2024 (que comprende desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 30 de setembro de 2024): o 10 de novembro de 2024.

Anualidade 2025 (que comprende desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025): o 10 de novembro de 2025.

Anualidade 2026 (que comprende desde o 1 de outubro de 2025 ata o 30 de setembro de 2026 ou ata o día anterior a que se fagan 3 anos desde o inicio da actividade formativa): o 10 de novembro de 2026.