CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE
Obxecto e ámbito de aplicación
1. A presente orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de especialidades ou módulos formativos do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou de especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servicio Público de Emprego Estatal financiadas pola referida consellería (código de procedemento TR301V).
Non se inclúe no ámbito de aplicación desta orde a formación impartida nos programas integrados de emprego, nos obradoiros de emprego ou nas accións formativas financiadas con fondos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia.
2. Por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións, referidas ás accións formativas que se inicien no período comprendido entre o 1 de novembro de 2023, día da entrada en vigor desta orde, e o 30 de novembro de 2024 (ambos inclusive).
Persoas beneficiarias
1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto da presente convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos esixidos con carácter xeral na orde, así como os particulares establecidos nos artigos que se refiren a cada tipo de bolsa ou axuda.
2. Terán a consideración de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e con situación laboral como non ocupada, na data de inicio da acción formativa ou no momento da súa incorporación á acción formativa.
Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas no momento da súa incorporación á acción formativa, naqueles procedementos e supostos en que estea permitida a participación de persoas traballadoras ocupadas, adquiran a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia durante o período de desenvolvemento da acción formativa.
Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada. No suposto de que desapareza o feito causante, perderase o dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación.
A persoa beneficiaria debe comprometerse a manter os requisitos que lle permiten o acceso á subvención durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que se deixase de cumprilos, estará obrigada a comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.
Prazo de presentación das solicitudes
A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.