lunes, 7 de febrero de 2022

PROGRAMA RESPIRO FAMILIAR PARA PERSOAS COIDADORAS 2022

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS614B).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a persoas coidadoras dentro do programa Respiro familiar para persoas coidadoras para o exercicio 2022 (código de procedemento BS614B), así como proceder á súa convocatoria.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Requisitos para acceder á subvención
Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención, cómpre que concorran os seguintes requisitos:
a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención ou a persoa ou persoas que vai atender ela sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que a persoa que se vai atender se encontre nalgunha das seguintes situacións:
1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.
2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.
3º. Que a persoa que se vai atender, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
2. Ademais, as persoas coidadoras, para seren beneficiarias da subvención, teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tipo de axuda e contía
1. Modalidade Respiro no fogar.
A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a domicilio para atender necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.
A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias e das persoas coidadoras, por espazos de tempo definidos e non moi longos, contribuirase á prestación dunha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente, con discapacidade ou necesidades de terceiros para as actividades da vida diaria, co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertarlle ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por beneficiario/ano.
2. Modalidade de Respiro en residencia.
A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados.
Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade prevé a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.500 euros por beneficiario/ano.
Serán as persoas coidadoras solicitantes as que aboen o importe total da estadía que hai que pagar.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitude comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de outubro de 2022.
Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.