VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E TURISMO
Obxecto
Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión de bolsas de formación para persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).
Condicións xerais da bolsa
1. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
2. O obxectivo das bolsas é que as persoas bolseiras adquiran coñecementos prácticos sobre políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación, a identificación das convocatorias, e a participación nas reunións das redes de cooperación rexional nas que participa a Xunta de Galicia para promover a participación galega en iniciativas de I+D+i e, en última instancia, facilitar o seu acceso ao mercado laboral.
3. A concesión e goce da bolsa non suporá vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a FGE e Gain.
A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.
4. As bolsas serán indivisibles e incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada. A persoa adxudicataria no momento de aceptación da bolsa, non poderá ser perceptora de salarios ou doutros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. A bolsa é incompatible coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.
Duración e lugar de realización
1. O programa formativo das bolsas terá unha duración máxima de doce (12) meses.
2. O lugar de desenvolvemento das bolsas será a oficina da FGE en Bruxelas, podendo realizar tamén breves períodos formativos nas dependencias de Gain en Santiago de Compostela ou onde se indique.
Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa
Poderán optar á obtención das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun estado membro da Unión Europea.
2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar o nivel B2 nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e a residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria, mediante empadroamento.
3. Posuír o título universitario oficial de grao, licenciatura, enxeñaría ou equivalente ou o xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do devandito título. Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis (6) anos anteriores ao da publicación da convocatoria.
4. Posuír un nivel B2 ou superior en lingua inglesa.
5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do obxecto desta bolsa.
6. As persoas solicitantes non poden estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
7. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da listaxe de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.
Presentación de solicitudes, prazo e declaracións responsables
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se incluirá como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
2. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que acompañarán á correspondente resolución de convocatoria, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e na resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá á persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Na solicitude, que figurará nun anexo da correspondente resolución de convocatoria, inclúense as seguintes declaracións responsables:
a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.
b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Declaración responsable de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a FGE.