CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE
Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas á conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).
Mediante as axudas reguladas nesta orde permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial, contribuído a mitigar os graves prexuízos que nos traballadores e traballadoras autónomas provocou o brote da COVID-19 en Galicia.
Persoas e entidades beneficiarias
Estas bases establecen os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que contraten unha persoa traballadora, ben sexa no caso de finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, ou ben en calquera momento en que o precisen para apoiar o coidado de menores e/ou maiores e dependentes, e segundo o disposto nesta orde.
As axudas irán dirixidas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no seu negocio, nos casos de maternidade ou paternidade unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento (bono autónomo concilia I).
Tamén se dirixen as axudas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas (bono autónomo concilia II).
Igualmente se apoiarán os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022 (bono autónomo para o servizo do coidado de menores e bono autónomo para o servizo do coidado de persoas maiores ou dependentes).
Prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables presentaranse desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022.