CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE
Obxecto
Establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros bibliotecarios, así como convocalas para os anos 2022 e 2023.
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
a) Posuír unha titulación universitaria de grao en Biblioteconomía e Documentación, Información e Documentación, Historia, Historia da Arte, Filoloxía, Lingua e Literatura, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, ou Humanidades.
Entenderanse equivalentes ás titulacións sinaladas as licenciaturas ou diplomaturas correspondentes, así como aquelas titulacións mixtas que as inclúan.
b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Non poderán ser beneficiarias desta axuda:
a) As persoas que desempeñen un emprego remunerado ou gocen doutra bolsa remunerada con fondos públicos, sen prexuízo do sinalado no parágrafo segundo do punto 3 deste artigo.
b) As persoas que ocupasen un posto de traballo como técnico bibliotecario durante máis dun ano.
c) As persoas que se beneficiasen anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis meses.
d) Quen, sendo adxudicatario desta mesma bolsa nunha convocatoria anterior, non se incorporase ao centro de destino ou renunciase a ela logo de iniciado o período de vixencia, sen causa debidamente xustificada. Considérase xustificada a renuncia cando se deba á obtención doutra bolsa ou emprego incompatible con aquela.
e) Aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. A concesión da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos.
Tamén será incompatible co desempeño dun emprego remunerado, agás os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous meses durante o período de duración da bolsa, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio desta.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.