CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas e realizar a súa convocatoria para o ano 2022 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MR670B).
2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 22 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, modificado por última vez mediante a Decisión de execución da Comisión C (2021) 4527 final, do 17 de xuño de 2021.
3. As axudas obxecto de subvención son as seguintes:
a) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo VIII desta orde (coníferas).
b) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo IX desta orde (frondosas).
Beneficiarias
1. Serán beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, e non se admitirá a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
2. Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), as persoas propietarias particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios/as particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e de fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1.
3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
5. As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise, salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
7. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
8. Non poderán ser beneficiarias as entidades locais.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. Os traballos solicitados na solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da inspección previa a que se refire o artigo 20 da orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.