CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MR462B), e se convocan para o ano 2022 (medida Feader 8.3).
2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 22 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello (DOUE do 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado por Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro, e modificado mediante Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo; por Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo; por Decisión de execución da Comisión, C (2019) 1707 final, do 26 de febreiro, e por Decisión de execución da Comisión, C (2021) 4527 final, do 17 de xuño.
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores dos montes ou terreos forestais e/ou dos seus aproveitamentos, que actúen mediante arrendamentos ou contratos plurianuais coa propiedade cuxo obxecto sexa inequivocamente a xestión do monte ou terreo forestal e/ou dos seus aproveitamentos.
En concreto, poderán ser beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) que cumpran o establecido no parágrafo anterior.
2. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poderen acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moito o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
4. As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
5. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014, da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) De tratarse dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) De tratarse dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecesen polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta e cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. Os investimentos non poderán iniciarse antes de solicitar a axuda no prazo de presentación de solicitudes.
3. Aqueles IOXF cuxa solicitude de aprobación fose presentada antes da entrada en vigor da presente orde de axudas non serán válidos para a xustificación do pagamento.