viernes, 25 de febrero de 2022

PROBA PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE BACHAREL PARA MAIORES DE VINTE ANOS

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización (código de procedemento ED534A).

Finalidade da proba
A proba ten por finalidade verificar se se alcanzaron os obxectivos do bacharelato, establecidos no artigo 33 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, así como os fixados nos aspectos básicos do currículo recollidos no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Modalidades
1. A proba convócase para as modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais.
2. Non obstante o anterior, poderanse inscribir na proba, e titularen pola modalidade de Artes, as persoas que estean en condicións de validar o segundo exercicio conforme o establecido na segunda parte do anexo III da presente resolución.

Requisitos que deben reunir as persoas aspirantes
Poderán participar nesta proba as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 20 anos ou facer esa idade no ano 2022.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2021/22.

Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes de inscrición e documentación complementaria.
1. O período de inscrición na proba estará comprendido entre o 7 e o 16 de marzo de 2022.
2. As persoas aspirantes poderán inscribirse nos dous exercicios que integran a proba ou nun deles.
3. As solicitudes de inscrición deberán presentarse presencialmente nos centros educativos sinalados no número 4 desta epígrafe e en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
4. Os centros educativos onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:
a) Centro EPA Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3, 2º andar, 15003 A Coruña.
b) IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
c) Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
d) Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
e) Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
f) Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8, 1º, 36202 Vigo.
5. Cando proceda, xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación complementaria, que se presentará presencialmente nos centros educativos sinalados no número 4 desta epígrafe ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común:
a) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.
b) Certificado de residencia no caso de solicitar a exención das materias de Lingua Galega e Literatura I e II por proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro, nos termos establecidos polo artigo 18.1 do Decreto 79/2010, do 20 de maio.
c) Certificacións académicas ou copia do libro de escolaridade e/ou historial académico onde se acredite ter superado materias para validar algún exercicio.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.