lunes, 3 de mayo de 2021

SUBVENCIÓNS PARA A EXECUCIÓN DE PROXECTOS DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO E A CIDADANÍA GLOBAL QUE EXECUTARÁN AS ORGANIZACIÓNS NON GOBERNAMENTAIS DE DESENVOLVEMENTO

 VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E TURISMO

ORDE do 20 de abril de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR804A).

Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións para proxectos desenvolvidos dentro dalgunha das catro dimensións seguintes (código de procedemento administrativo PR804A):
a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.
b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.
c) Investigación sobre o desenvolvemento.
d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na lexislación vixente de cooperación para o desenvolvemento.
Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización ou aquelas cuxos órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.