viernes, 28 de mayo de 2021

(E-MARTES) XORNADA SOBRE O REXISTRO ELECTRÓNICO NA XUNTA DE GALICIA

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2021 pola que se convocan, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, as xornadas de formación práctica dixital (E-martes) sobre o Rexistro electrónico na Xunta de Galicia.

Contidos.
As Xornadas de formación práctica dixital (E-martes) correspondentes ao mes de xuño estarán dedicadas ao Rexistro electrónico na Xunta de Galicia. Os seus contidos adaptaranse aos dous grupos de persoas destinatarias desta actividade; constarán dunha introdución xurídica, común aos dous grupos e titulada De rexistro a rexistro electrónico: pezas clave para a Administración electrónica, e unha posterior parte práctica, nas aulas de informática da escola, cos seguintes contidos específicos:
– Grupo de persoal empregado público: sede electrónica da Xunta de Galicia. Chave365. Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro: intranet (espazo dixital de referencia para o persoal da Administración autonómica), Aires (aplicación informática de rexistro de entradas e saídas), Rexel (Recepción electrónica do Sistema único de rexistro) e SIR. Copia auténtica e notificación por comparecencia.
– Grupo de cidadanía: sede electrónica da Xunta de Galicia. Chave365. Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro: eServizos, servizos nas oficinas e Sistema de interconexión de rexistros (SIR).

Persoas destinatarias.
As persoas destinatarias destas actividades son:
– O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
– A cidadanía: profesionais e persoas interesadas no manexo das aplicacións descritas na súa relación coa Administración.

Desenvolvemento.
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Datas: os martes 1 e 15 de xuño de 2021.
Horario: mañá e tarde.
Duración: 6 horas lectivas cada xornada.

Número de prazas.
• Persoal empregado público: 16.
• Cidadanía: 13.
O número de prazas convocadas vén determinado pola capacidade das aulas e é adaptado ás medidas de seguridade e hixiene previstas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.

Inscrición.
1. A inscrición nestas actividades formativas só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nestas actividades todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais, ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área na que están integradas estas actividades (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «nome do curso» a xornada na que desexen matricularse:
• Xornada E-martes de formación práctica dixital: Rexistro electrónico, 1 de xuño.
• Xornada E-martes de formación práctica dixital: Rexistro electrónico, 15 de xuño.
As persoas que resulten seleccionadas para a primeira xornada, no caso de ter solicitadas as dúas xornadas, serán excluídas da listaxe de persoas seleccionables á segunda xornada do mes, salvo renuncia recibida coa antelación prevista no punto 10 desta resolución.

Os prazos para a inscrición nestas actividades serán os seguintes:
• Para a xornada E-martes que se desenvolverá o día 1 de xuño: desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 14.00 horas do día 28 de maio de 2021.
• Para a xornada E-martes que se desenvolverá o día 15 de xuño: desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 14.00 horas do día 9 de xuño de 2021.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.