CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE
RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2021/22.Condicións das persoas aspirantes
1. Terá acceso ao grao medio das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra calquera dos seguintes requisitos:
a) Para o acceso ao ciclo inicial ou primeiro nivel de grao medio, dispor do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, na opción de ensinanzas académicas ou na de ensinanzas aplicadas, ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba de carácter específico ou acreditar un mérito deportivo. Para o acceso ao ciclo final ou segundo nivel de grao medio, ter superados os estudos do ciclo inicial ou primeiro nivel na correspondente modalidade ou especialidade deportiva, e poderase requirir a superación dunha proba de carácter específico ou acreditar un mérito deportivo.
b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 17 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación (en diante, proba de madureza de grao medio) que se establece no anexo I desta resolución, ademais de cumprir os outros requisitos de carácter xeral e específico establecidos. A idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural de realización das probas.
c) A superación da devandita proba de madureza de grao medio dará tamén acceso ás actividades de formación deportiva de nivel I a que se refire a Orde ECD/158/2014, cos requisitos regulados nela.
d) A proba de madureza de grao medio poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:
1º. Proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional.
2º. Parte común da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional.
3º. Proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao medio de artes plásticas e deseño.
4º. Proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño.
5º. Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
6º. Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.
2. Terá acceso ao grao superior das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Dispor do título de técnico deportivo na correspondente modalidade ou especialidade deportiva, e poderase requirir, ademais, a superación dunha proba de carácter específico, acreditar un mérito deportivo ou cumprir cos requisitos relativos á experiencia deportiva que se poidan establecer na especialidade ou modalidade correspondente, e ter, cando menos, algún dos seguintes títulos, ou outro declarado equivalente para os efectos académicos:
1º. Bacharelato.
2º. Título de técnico superior.
3º. Título universitario.
b) O alumnado que non posúa o título de bacharelato, ou outro declarado equivalente para os efectos académicos, ou algún dos títulos establecidos na alínea anterior, deberá ter 19 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación (en diante, proba de madureza de grao superior) que se establece no anexo II desta resolución. A idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural da realización das probas.
c) A superación da proba de madureza de grao superior dará tamén acceso ás actividades de formación deportiva de nivel III ás cales se refire a Orde ECD/158/2014, cos requisitos regulados nela.
d) A proba de madureza de grao superior poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:
1º. Parte común da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional.
2º. Proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño.
3º. Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
4º. Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.
Acceso para aspirantes con discapacidade
1. De acordo co establecido na disposición adicional terceira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, os/as aspirantes ao acceso e á admisión ás ensinanzas deportivas que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás devanditas ensinanzas.
2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade farano constar na epígrafe correspondente no formulario de inscrición e deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas deportivas, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e das condicións de realización da proba de acceso da modalidade deportiva que corresponda.
3. Co obxecto de garantir a eficacia da formación e o posterior exercicio das competencias profesionais inherentes ao título, o tribunal avaliará o grao de discapacidade e as limitacións que comporte para poder cursar con aproveitamento as ensinanzas e, de ser o caso, adaptará os requisitos e as probas de acceso que deban superar as persoas aspirantes que, en todo caso, deberán respectar o esencial dos obxectivos xerais establecidos para o ciclo de ensino da modalidade ou especialidade deportiva correspondente.
4. O tribunal poderá solicitar o asesoramento de persoas especialistas para elaborar un informe que lle permita ao tribunal valorar se o grao de discapacidade e as limitacións que comporta posibilita cursar con aproveitamento e seguridade as ensinanzas, e acadar as competencias correspondentes ao ciclo de que se trate e exercer a súa profesión.
5. Cando nas observacións das listaxes provisional e definitiva de inscritos aparezan as siglas PAC, significa «proba adaptada concedida».
Validez das probas
1. De conformidade co artigo 32 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, a superación da proba de madureza para o acceso ao grao medio e ao grao superior terá validez en todo o territorio nacional.
2. A certificación de superación da proba de acceso de carácter específico terá validez en todo o territorio nacional. A duración da validez está definida no correspondente real decreto que establece o título e as ensinanzas mínimas.
Lugar, prazo e forma de presentación das solicitudes
1. A inscrición para realizar as probas farase nas secretarías dos centros que se relacionan no anexo V, preferentemente na secretaría dos centros públicos onde se vaian a realizar as probas de carácter específico.
2. O prazo de inscrición será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 2 de xullo de 2021.
3. Os centros facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo de solicitude de inscrición para a realización das probas.
4. Ao modelo xuntarase a documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados.
5. As persoas solicitantes da exención da realización da proba de madureza por ter superado totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos, segundo o establecido no punto décimo da Orde do 24 de marzo de 2003, xuntarán o certificado correspondente onde conste a opción efectuada e a puntuación conseguida. A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador.
6. No caso de alegaren titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase o volante de inscrición condicional, segundo o modelo recollido como anexo II na Orde ECD/3305/2002, do 16 de decembro, pola que se modifican as do 14 de marzo de 1988 e do 30 de abril de 1996, para a aplicación do disposto no Real decreto 104/1988, do 29 de xaneiro, sobre homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de educación non universitaria (BOE do 28 de decembro).
7. As persoas solicitantes que deban realizar a proba de madureza farano constar na epígrafe correspondente no formulario de inscrición. No caso de non superar a devandita proba, non serán admitidas na proba de carácter específico.
8. Aquelas persoas que teñan pendente algunha materia de bacharelato ou ESO poderanse presentar á proba de acceso de carácter específico sempre e cando acrediten no prazo de matrícula, no mes de setembro, a superación da materia ou materias pendentes. En calquera caso, poderanse presentar á proba de madureza.
Exención da realización da proba específica de acceso
1. As persoas solicitantes que aleguen mérito deportivo, substitutivo da realización da proba específica, no caso da modalidade de baloncesto, así como aquelas persoas que soliciten a exención de realización da proba específica noutras modalidades, farano constar na epígrafe correspondente no formulario de inscrición e presentarán coa solicitude os documentos acreditativos establecidos nela da correspondente modalidade ou especialidade, tendo en conta os requisitos e período de validez de dita condición establecidos na normativa en vigor. A valoración dos méritos e resolución sobre a substitución da proba específica ou exención correspóndelle ao tribunal avaliador. As condicións para solicitar a exención nas distintas modalidades deportivas pódense consultar na seguinte ligazón do portal educativo:
http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/taboa_requisitos_de_acceso_especificos_e_motivos_de_exencion210618.pdf
2. Ademais, poderán ser obxecto de exención da realización da proba específica de acceso en cada unha das modalidades de ensino deportivo implantadas na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coa súa normativa aquelas persoas que acrediten, con carácter xeral, a condición de deportista de alto nivel ou deportista de alto rendemento nas condicións que establece o Real decreto 971/2007, do 3 de xullo, sobre deportistas de alto nivel e alto rendemento, así como quen acredite algunha das condicións definidas no real decreto que establece o título para a modalidade deportiva correspondente, tendo en conta os requisitos e o período de validez de dita condición establecidos na normativa en vigor. Pódense consultar ditas condicións na ligazón do apartado anterior.
3. O procedemento de solicitude de exención require a inscrición correspondente nas probas de carácter específico obxecto desta convocatoria, así como o pagamento dos prezos públicos correspondentes de acordo co establecido no Decreto 89/2013, do 13 de xuño. Xunto coa solicitude de exención da realización da proba de carácter específico deberase achegar a documentación acreditativa que corresponda, e será o tribunal avaliador nomeado para cualificar a dita proba quen valore esa documentación e determine a exención da proba á persoa solicitante.
4. Na modalidade de baloncesto, aquelas persoas que acrediten o mérito deportivo, substitutivo da realización da proba específica, definido de acordo co real decreto que establece o título na correspondente modalidade deportiva, non terán que realizar o pagamento dos prezos públicos correspondentes.
Lugar, datas e desenvolvemento das probas de acceso
1. As probas de madureza de grao medio e grao superior para os/as aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terán lugar o día 7 de setembro das 9.00 ás 13.00 horas no IES As Fontiñas, de Santiago de Compostela, segundo o establecido nos anexos I e II desta resolución.
2. As probas de acceso de grao medio de carácter específico, para cada unha das modalidades deportivas, realizaranse:
a) Na modalidade de fútbol sala terá lugar no IES As Lagoas en Ourense, o día 8 de setembro, ás 10.00 horas.
b) Na modalidade de fútbol terá lugar no IES Universidade Laboral en Culleredo, o día 9 de setembro, ás 10.00 horas, e no IES Sánchez Cantón en Pontevedra (instalación A Xunqueira), o día 13 de setembro, ás 11.00 horas. As persoas aspirantes só poderán realizar as probas no centro en que formalizaron a inscrición.
c) Na modalidade de balonmán terá lugar no IES Sánchez Cantón en Pontevedra (instalación A Xunqueira), o día 13 de setembro, ás 10.00 horas.
d) Na modalidade de baloncesto terá lugar no IES Fermín Bouza Brey en Vilagarcía de Arousa, o día 14 de setembro, ás 10.00 horas.
e) Na modalidade de vela terá lugar nas instalacións do Centro Galego de Vela en Vilagarcía de Arousa, o día 14 de setembro, ás 11.30 horas; poden variar a data e/ou a hora do exame no caso de non darse as condicións meteorolóxicas establecidas no anexo VIII do Decreto 135/2012, do 31 de maio (DOG do 20 de xuño), polo que se establece o currículo das ensinanzas de técnico deportivo en vela con aparello fixo e técnico deportivo en vela con aparello libre.
f) Na modalidade de atletismo terá lugar no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes en Lugo, o día 15 de setembro, ás 10.00 horas.
3. Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, por ser o centro directivo habilitado para coordinar estas probas e os seus criterios de avaliación.
4. Con carácter excepcional, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional poderá convocar unha proba de carácter específico para aquelas persoas inscritas que por motivos debidamente xustificados, tales como lesións, non puideron realizar a proba nas datas fixadas nesta resolución.
5. Non se convocan probas de acceso de grao superior de carácter específico para ningunha modalidade deportiva.