ÁREA DE PROMOCIÓN ECONÓMICA E SOCIAL. SECCIÓN DE PROMOCIÓN ECONÓMICA E EMPREGO
BONO IMPULSO.-. DEPUTACIÓN DE LUGO (BONO PARA HOSTALERÍA E COMERCIO LOCAL)
Obxecto.
A presente convocatoria ten por obxecto aprobar as bases do programa Bono Impulso-Deputación de Lugo, destinado ao fomento do consumo de bens en establecementos comerciais locais comerciantes polo miúdo e de hostalería (incluídos servizos de aloxamento), desenvolto por persoas empresarias autónomas, microempresas e pequenas empresas da provincia de Lugo.
Obxectivos do programa
• Propiciar o fortalecemento empresarial da provincia de Lugo, empresarias/os autónomas/os, as
microempresas e pequenas empresas do sector comercial comerciante polo miúdo e hostalería (incluído
servizos de aloxamento).
• Manter o emprego e taxas de actividade nos sectores aos que vai dirixido.
• Estimular a demanda e o consumo no ámbito local.
• Paliar o efecto económico provocado por mor da pandemia ocasionada polo COVID19.
• Protexer ás familias, promovendo unha cultura de veciñanza.
Actividade subvencionable.
Subvencionaranse 17.000 bonos para o consumo de bens nos establecementos comerciais locais comerciantes polo miúdo así como establecementos de hostalería (incluídos servizos de aloxamento) adheridos á campaña, a través dun bono-desconto de carácter nominativo e territorial.
Terá a consideración de bono, o desconto por un valor de 30€ sobre unha compra mínima de 60€ nos
establecementos adheridos. Isto significa que cada solicitante obterá un bono de 30€ a condición de que realice 60€ de consumo en calquera dos establecementos adheridos.
Cada consumidor poderá solicitar un bono como máximo, podendo chegar a outorgárselle un segundo bono en caso de excedentes a través dun sorteo, a condición de que, neste sexa necesario acudir a consumidores beneficiarios por non resultar cubertos os excedentes de bonos polos consumidores reserva.
A aplicación dos bonos será efectuada de forma inmediata no momento da compra polos propios
establecementos tras a identificación dos consumidores. A tal sentido, a persoa que realice a compra debe levar o seu DNI.
A modo de exemplo: se unha persoa vai a unha florería e realiza un gasto de 65€, debe pagar 35€ ao
establecemento no momento da compra e os 30€ restantes serán abonados ao establecemento por parte da Deputación de Lugo cando presente este a documentación xustificativa.
Os gastos bonificados son os realizados desde o día seguinte á publicación dos consumidores no BOP e a páxina web de Deputación de Lugo ata o 31 de agosto de 2021, coa excepción dos bonos procedentes do sorteo que se habilitará un período adicional de 15 días hábiles dende o día seguinte á publicación dos consumidores no BOP e a páxina web.
Beneficiarios.
Consideraranse beneficiarios os establecementos adheridos ao programa e en cada un dos que se realizaron consumo cos bonos.
Requisitos dos establecementos para a adhesión ao programa.
Poderán adherirse ao programa Bono Impulso – Deputación de Lugo aqueles establecementos comerciais, locais comerciantes polo miúdo, así como establecementos de hostalería (incluídos servizos de aloxamento) radicados en calquera concello da provincia de Lugo que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser persoas empresarias autónomas, microempresas ou pequenas empresas de conformidade co sinalado polos artigos 2.2 e 2.3 do Anexo I do regulamento (UE) n.º 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación 107 e 108 do Tratado.
b) Non se atopen incursas en ningunha das prohibicións que se establecen no artigo 13.2 da LGS.
Poderán participar aqueles establecementos que no momento da solicitude teñan recoñecidas débedas
tributarias (Axencia Tributaria Estatal e Autonómica), débedas fronte á Seguridade Social e Deputación de Lugo.
Con todo, débense atopar ao corrente no momento de presentación da conta xustificativa. No caso de
establecementos con débedas fronte a Deputación de Lugo, estas serán compensadas co importe da axuda, polo que se detraerá a débeda sobre o pago.
Sen prexuízo de cantas outras formalidades puidesen estar obrigadas a cumprir, a Sección de Promoción Económica e Emprego poderá solicitar en calquera momento documento acreditativo do cumprimento de tales requisitos mínimos. Non se terán en conta nin admitirán as solicitudes presentadas por entidades que non cumpran devanditos requisitos.
-Fases do programa. Distribución dos Bonos Impulso - Deputación de Lugo.
O programa divídese en cinco fases, na primeira o total de bonos (17.000) distribuiranse entre cada un dos concellos da provincia, incluído Lugo capital, atendendo a tres parámetros obxectivos; poboación, número de desempregados e número de empresas de alta no IAE, segundo os últimos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística. Datos de referencia; Poboación (IGE, Padrón 2020), Número de desempregados (IGE, Febreiro, 2021), número de altas IAE (Altas e permanencias IGE, 2019). Establecendo un límite mínimo de 20 bonos e un máximo 5000 bonos por concello.
A distribución dos bonos publicarase no BOP da provincia de Lugo e na páxina vww. deputacionlugo. gal coa denominación Anexo 0 - Reparto bonos por concellos.
Na segunda fase, aqueles establecementos que desexen adherirse ao programa Bono Impulso - Deputación de Lugo, deberán formalizar o correspondente formulario de adhesión que se atopará dispoñible na páxina web da Deputación de Lugo, www.deputacionlugo.gal.
O prazo para que os establecementos comerciais poidan adherirse, será de 15 días hábiles dende o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria en Boletín Oficial da Provincia, a través do modelo de adhesión en formulario web (Anexo I).
A Deputación de Lugo publicará no BOP e na súa páxina web a listaxe dos establecementos adheridos por concello, así como a relación das solicitudes rexeitadas xunto coa motivación.
Na terceira fase, os residentes de calquera dos concellos da provincia, incluído Lugo capital, poderán solicitar o seu bono, desde o día seguinte á publicación do prazo de apertura de solicitudes na páxina web da Deputación de Lugo (www.deputacionlugo.gal), durante un prazo de 15 hábiles a través de modelo de solicitude normalizado (Anexo II) entregado na oficina do Rexistro Xeral da Deputación de Lugo (situado en rúa San Marcos nº 8) ou en calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39 /2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo común.
Os bonos distribuiranse entre as solicitudes da poboación maior de 18 anos que residan ou estean empadroados nalgún dos concellos da provincia, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, é dicir por orde de presentación de solicitudes e ata a dispoñibilidade orzamentaria e limitación por concello, xa que o obxectivo principal é favorecer o consumo independentemente da situación persoal ou familiar.
No caso de que exista coincidencia no momento de presentación de varias solicitudes, atenderase á hora, minuto e segundo. En caso de persistir empate, o criterio para seguir será a orde alfabética, previo sorteo de letra por parte do órgano instrutor, a partir da cal se establecerá a orde de prelación.
A efectos de valorar o lugar de residencia, salvo outro documento válido, tomarase como referencia o domicilio que conste no DNI a efectos de solicitude e de troco de bono nos establecementos adheridos.
Para iso habilitarase un formulario de solicitude (Anexo II) e os consumidores recibirán o seu bono.
Cada bono debe gastarse nun único establecemento adherido situado no concello de residencia/empadroamento dos consumidores. De forma excepcional no caso que non existan establecementos adheridos no concello poderán consumirse en calquera dos establecementos adheridos da provincia independentemente do lugar de residencia.
Os únicos gastos que non se consideran subvencionables son: as bebidas alcohólicas non alimentarias, tabaco e loterías deixando de manifesto que tanto a hostalería (incluídos servizos de aloxamento) como estancos poden participar xa que ofertan máis produtos no seu establecemento.
A Deputación de Lugo non se fará cargo de bonos en número superior aos 17.000 bonos xerados.
Organizarase unha cuarta fase no caso de que finalizada a fase III queden bonos pendentes de asignar,
procedéndose do seguinte modo: publicarase unha listaxe dos bonos pendentes por concello, esta listaxe
actualizarase cada 10 días na páxina web, condicionado ao volume de solicitudes. Abrirase un prazo
ininterrompido ata o 15 de xullo de 2021 para a súa concesión.
Na quinta fase, finalizado o prazo máximo para o consumo (31 de agosto de 2021), en caso de seguir existindo bonos sen asignar, procederase a un sorteo entre os solicitantes reserva e, no caso de ser necesario, entre o total dos consumidores a través dun acto público tal e como se indica no Base 13.
Dende o día seguinte á publicación no BOP e a páxina web da concesión do bono por sorteo, o consumidor dispón de 15 días hábiles para facelo efectivo, é dicir, efectuar o seu consumo no seu lugar de residencia e no caso de que non haxa establecementos adheridos, en calquera dos establecementos adheridos da provincia.
Con todo, se o estado da demanda ou a situación epidemiolóxica que estamos a sufrir así o aconsellasen
poderán efectuarse axustes á devandita distribución, entre os distintos Territorios, a fin de posibilitar que se distribúan o maior número de bonos entre os consumidores e que se fomente en maior medida o consumo.