jueves, 25 de junio de 2020

PROBAS DE ACCESO ÁS ENSINANZAS DEPORTIVAS PARA O CURSO 2020/21

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERSIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL


Esta dirección xeral resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2020/21, que se rexerán polas seguintes instrucións:

I. Modalidades de acceso.
1. Acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio.

Terá acceso ao grao medio das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra calquera dos seguintes requisitos:
a) Para o acceso ao ciclo inicial ou primeiro nivel de grao medio, dispor do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, na opción de ensinanzas académicas ou na de ensinanzas aplicadas, ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba de carácter específico ou acreditar un mérito deportivo. Para o acceso ao ciclo final ou segundo nivel de grao medio, ter superados os estudos do ciclo inicial ou primeiro nivel na correspondente modalidade ou especialidade deportiva, e poderase requirir a superación dunha proba de carácter específico ou acreditar un mérito deportivo.
b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 17 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación (en diante «proba de madureza de grao medio») que se establece no anexo I desta resolución, ademais de cumprir os outros requisitos de carácter xeral e específico establecidos. A idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural de realización das probas.
c) A superación da dita proba de madureza de grao medio dará tamén acceso ás actividades de formación deportiva de nivel I a que se refire a Orde ECD/158/2014, cos requisitos regulados nela.
d) A proba de madureza de grao medio poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:
• Proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional.
• Parte común da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional.
• Proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao medio de Artes Plásticas e Deseño.
• Proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño.
• Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
• Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

2. Acceso ás ensinanzas deportivas de grao superior.
Terá acceso ao grao superior das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Dispor do título de técnico deportivo na correspondente modalidade ou especialidade deportiva, e poderase requirir, ademais, a superación dunha proba de carácter específico, acreditar un mérito deportivo ou cumprir cos requisitos relativos á experiencia deportiva que se poidan establecer na especialidade ou modalidade correspondente, e ter, cando menos, algún dos seguintes títulos, ou outro declarado equivalente para os efectos académicos:
– Bacharelato.
– Técnico superior.
– Título universitario.
– Certificado de ter superadas todas as materias do bacharelato.
b) O alumnado que non posúa o título de bacharelato, ou outro declarado equivalente para os efectos académicos, ou algún dos títulos establecidos no punto anterior, deberá ter 19 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación (en diante, «proba de madureza de grao superior») que se establece no anexo I desta resolución, ou 18 anos sempre e cando posúa, ademais do título de técnico deportivo da modalidade correspondente, un título de técnico relacionado con aquel ao que se desexa acceder. Tanto nun coma noutro caso, a idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural da realización das probas.
c) A superación da proba de madureza de grao superior dará tamén acceso ás actividades de formación deportiva de nivel III ás cales se refire a Orde ECD/158/2014, cos requisitos regulados nela.
d) A proba de madureza de grao superior poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:
• Parte común da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional.
• Proba de madureza de acceso aos ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño.
• Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
• Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

Inscrición para as probas.
1. A inscrición para realizar as probas farase nas secretarías dos centros que se relacionan no anexo IV, preferentemente na secretaría dos centros públicos onde se vaian realizar as probas de carácter específico.
2. O prazo de inscrición será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 8 de xullo de 2020.