jueves, 25 de junio de 2020

AXUDAS DESTINADAS ÁS PERSOAS TRABALLADORAS AFECTADAS, CON 55 OU MÁIS ANOS DE IDADE, POLA EXTINCIÓN DOS SEUS CONTRATOS DE TRABALLO POR PROCEDEREN DE EMPRESAS EN CRISE

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
As presentes bases teñen como obxecto regular a convocatoria de axudas para paliar a situación económica de persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por proceder dunha empresa en crise.
Así mesmo, con esta orde procédese á convocatoria das citadas axudas para o ano 2020.

Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras que cumpran, no momento da presentación da solicitude da axuda regulada na presente orde, os seguintes requisitos:
A) Respecto ao programa I: axudas destinadas a financiar as cotas que ingresarán polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social.
1. Que a persoa traballadora estea incluída nalgún dos supostos seguintes:
a) Que se teña extinguido os seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada insolvente. A declaración de insolvencia da empresa deberá afectar os créditos laborais da persoa traballadora, recoñecidos como consecuencia da sentenza, auto, acto de conciliación ou resolución administrativa a favor dos solicitantes. Para os efectos destas axudas, tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais da persoa traballadora se tivesen incorporado ao procedemento concursal.
b) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por despedimento ou, conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada en concurso. Neste suposto a extinción do contrato deberá producirse dentro do período entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión deste por algunha das causas que recolle o artigo 176 da Lei 22/2003, de 9 de xullo, concursal.
c) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por algunha das causas do artigo 49.1.g) do Estatuto dos traballadores; este aspecto debe estar expresamente recollido na carta de despedimento ou sentenza declarativa.
d) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo como consecuencia do peche da empresa fundamentado nalgunha das causas contidas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores, sempre que ambos os aspectos, peche da empresa e causa de extinción do contrato, se recollan expresamente na sentenza declarativa do despedimento ou carta de despedimento; esta última debe vir acompañada, en todo caso, pola autorización da persoa representante da empresa para consultar os datos do seu peche ante a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
2. Que a persoa traballadora cumpra un dos seguintes requisitos:
a) Que no momento da presentación da solicitude da axuda o derradeiro contrato de traballo sexa algún dos sinalados no artigo 3.1 da presente orde.
b) Que no momento da presentación da solicitude non transcorresen máis de 4 anos desde que se producise a extinción do contrato de traballo dos sinalados no artigo 3.1 da presente orde, aínda que con posterioridade tivese algún contrato de traballo. Nestes casos a finalización do derradeiro contrato non debera producirse por dimisión da persoa traballadora, prevista no artigo 49.1.a) e d) do Estatuto dos traballadores.
3. Que o centro de traballo da empresa a que se fai referencia no artigo 3.1 da presente orde estea situado en Galicia.
4. Que a antigüidade na empresa a que se fai referencia no artigo 3.1 da presente orde sexa dun mínimo de tres anos.
5. Que conte con 55 ou máis anos de idade.
6. Ter esgotado a prestación contributiva por desemprego.
7. Que a base de cotización media por continxencias comúns dos últimos seis meses de ocupación cotizada na empresa a que se fai referencia no artigo 3.1 da presente orde non supere o importe de 2.600 €.
Nos supostos do artigo 3.2.b) da presente orde, para o cálculo da cotización media por continxencias comúns, ademais do anterior, tomaranse tamén as bases de cotización pola dita continxencia correspondentes á ocupación cotizada do derradeiro contrato de traballo.
8. Ter subscrito, ou comprometerse a subscribir no período subvencionable, convenio especial coa Seguridade Social, conforme o disposto na Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, pola que se regula o convenio especial co sistema da Seguridade Social, nos termos establecidos no artigo 4.2 da presente orde.
B) No caso do programa II: axudas de pagamento único dirixidas a compensar as persoas traballadoras da diminución do importe da indemnización recoñecida como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor daquelas, a causa dos referidos despedimentos ou extincións de contratos, cando esta é aboada polo Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), por proceder dunha empresa en crise, ao ter sido declarada insolvente ou en concurso.
a) Que durante o período a que se estende a axuda que figurará na convocatoria se teña extinguido o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa en crise, ao ter sido declarada insolvente ou en concurso.
Para os efectos destas axudas tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais procedentes da indemnización pendente de cobramento da persoa traballadora se tivesen incorporado ao procedemento concursal.
Cando se trate de empresas en procedemento concursal a extinción do contrato deberá producirse dentro do período comprendido entre o auto que declara o concurso de acredores e a conclusión deste por algunha das causas que recolle o artigo 176 da Lei 22/2003, de 9 de xullo, concursal.
b) Que o importe de indemnización aboado polo Fogasa sexa inferior ao recoñecido en sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor da persoa solicitante.
c) Que o centro de traballo da empresa onde prestaba servizos a persoa traballadora estea asentado en Galicia.
d) Ter feitos 55 anos ou máis.
e) Que a antigüidade na empresa de que procede sexa dun mínimo de tres anos.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde, xunto coa convocatoria do ano 2020, e permanecerá aberto, con carácter permanente, ata o 31 de outubro de 2020.