INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto subvencionar aqueles proxectos que inclúan unha ou varias das seguintes actuacións:
a) Medidas de protección dos empregados e clientes nos espazos de traballo.
b) A adaptación dos espazos de traballo para reducir o contacto do cliente con elementos ou superficies e evitar a súa contaminación.
c) A adquisición de medios de protección e hixiene para empregados e clientes.
d) A instalación de equipamentos de desinfección de superficies, ambientes e produtos.
e) A contratación de servizos para reforzar a limpeza dos locais e realizar desinfeccións de forma periódica.
f) A adquisición de equipamentos ou realización de obras que permitan a ventilación e renovación do aire do establecemento.
g) Cartelaría e puntos de informacións, físicos ou dixitais, sobre as medidas de prevención ante o COVID-19 implementadas no establecemento.
h) De xeito excepcional, outros que poidan contribuír a protexer a saúde das persoas empresarias, empregadas e clientes fronte ao COVID-19, o cal se motivará na resolución de concesión.
i) Capacitación específica das persoas traballadoras para aplicar os protocolos adaptados ás normativas e recomendacións sanitarias fronte ao COVID-19.
j) Gastos externos (consultoría, análises, custo da certificación e similares) aplicados á obtención de certificacións para cumprimento de protocolos e medidas.
Beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, calquera que sexa a súa forma xurídica (inclúe autónomos), polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.
Ademais, deberán cumprir as seguintes condicións: desenvolver a súa actividade en Galicia polo menos nun centro de traballo; tendo a condición de peme, conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de cincuenta (50) traballadores; estar dadas de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo I das bases reguladoras.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de xullo de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.