jueves, 11 de junio de 2020

SUBVENCIÓNS A FESTIVAIS DE ARTES ESCÉNICAS 2020

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Finalidade
Establecer e aprobar as bases reguladoras das subvencións para o apoio a festivais de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT213A).

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e os criterios establecidos nestas bases.
2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.