viernes, 12 de junio de 2020

AXUDAS Á CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL, POR REDUCCIÓN DA XORNADA DE TRABALLO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto avanzar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como medida de fomento da corresponsabilidade e da conciliación da vida familiar e laboral, mediante incentivos para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo para a atención e coidado das súas fillas e fillos, así como para as familias monoparentais, homes ou mulleres, que precisan dun apoio específico para compaxinar a vida laboral, persoal e familiar.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas, homes e mulleres (neste último caso só se son familias monoparentais) que no período comprendido, entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020 ambos os dous inclusive, se acollan á medida de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas menores de tres anos ou menores de 12 anos no suposto de que padezan unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %.
No suposto de adopción ou de acollemento familiar, para ter dereito a axuda non poderán ter transcorrido máis de tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou adopción e, en todo caso, a filla ou fillo terá que ser menor de 12 anos.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: a) Estar empadroado en Galicia, como mínimo desde o 1 de xaneiro de 2019 e manter esa situación durante todo o período subvencionado; b) Convivir coa filla ou fillo; c) Se é o caso, a persoa cónxuxe ou parella debe estar traballando; d) Ter uns ingresos non superiores a 7 veces o IPREM segundo a declaración do IRPF do último período impositivo con prazo de presentación vencido (2018).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.