CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
Obxecto
Establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais para a realización de actividades de voluntariado sénior desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro e proceder á súa convocatoria para o ano 2020. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia persoas maiores de 55 anos para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten e dentro das áreas prioritarias ao abeiro desta convocatoria.
Entidades beneficiarias
Entidades de acción voluntaria e entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do Programa Voluntariado Sénior desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2020.
Outros datos
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Coa solicitude presentarase o proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha das persoas voluntarias e do número de días que participará cada unha delas, así como do custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días, e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.
A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva seguindo a orde de prelación pola puntuación obtida. Requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.