CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA
Obxecto
Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono nova oportunidade das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia na súa convocatoria para o ano 2020.
Persoas beneficiarias
Serán persoas beneficiarias das axudas deste programa as persoas que se dean de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 1 de xaneiro de 2020 ao 30 de setembro de 2020 e cesaran con anterioridade na súa actividade causando baixa na seguridade social ou na mutualidade correspondente e no imposto de actividades económicas (IAE) por causas económicas e que cumpran os seguintes requisitos na data da solicitude ou data de inicio de actividade segundo o modelo 036 ou 037 para as persoas que xa se deran de alta antes da solicitude:
a) Que o cese da actividade se producira con seis meses de antelación polo menos.
b) Que teña cotizado anteriormente a esta nova alta ininterrompidamente polo menos durante 6 meses durante a súa vida laboral no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
c) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego. Carecer de ocupación efectiva e non ter contrato laboral en vigor segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
d) Darse de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 30 de setembro de 2020.
e) Realizar unha formación de mínimo 70 horas sobre formación xerencial, xestión comercial ou financeira, marketing dixital ou sobre materias que teñan relación directa co negocio a emprender e así se xustifique, que estea finalizada no prazo de 3 meses antes da alta e ata o 31 de outubro de 2020.
f) Que as persoas desempregadas teñan o domicilio fiscal en algún concello de Galicia e desenvolvan a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2020.