CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MR462B), e se convocan para o ano 2020 (medida Feader 8.3).
2. Poderá ser obxecto de axuda algún dos instrumentos de ordenación e xestión forestal (IOXF) elaborados para os montes ou terreos forestais que, conforme o artigo 8.18 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, se correspondan con algunha das seguintes categorías:
a) Como instrumento de ordenación forestal: o proxecto de ordenación (PO).
b) Como instrumentos de xestión forestal:
i) Documento simple de xestión (DSX).
ii) Documento compartido de xestión (DCX).
iii) Documento de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos (MS). Só serán obxecto de axuda nos casos de superficie inferior ou igual ás 15 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade.
3. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 22 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1698/2005 do Consello (DOUE do 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante a Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017, pola Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo de 2018, e pola Decisión de execución da Comisión, C (2019) 1707 final, do 26 de febreiro de 2019.
Beneficiarios
1. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores e non se admitirá a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
2. Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1.
3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
5. As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
7. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
8. Non poderán ser beneficiarias as entidades locais.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de corenta e cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.