CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa Respiro Familiar para persoas coidadoras para o exercicio 2020 (código de procedemento BS614B), así como proceder á súa convocatoria.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha persoa con necesidades especiais de atención persoal.
Requisitos para acceder á subvención
Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:
a) Que ben o coidador ou ben a persoa que se atende sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que a persoa que se coida presente calquera das seguintes situacións:
1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.
2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente; grao II ou III.
3º. Que a persoa que se coida presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.
c) Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do último exercicio.
Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitude comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2020.
Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.