lunes, 17 de febrero de 2020

AXUDAS Á REALIZACIÓN DE POXAS DE GANDO BOVINO SELECTO

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para a celebración de poxas de gando bovino selecto en diferentes puntos da xeografía galega, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

Entidades beneficiarias
1. Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde os concellos de Galicia que organicen poxas de gando selecto e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.
b) Non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
c) Cumprir o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
d) Dispoñer de instalacións axeitadas que conten cunha situación sanitaria conforme a normativa aplicable, en particular co establecido no artigo 54 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.
e) Dispoñer de medios técnicos e de persoal para a celebración deste tipo de eventos.
f) Dispoñer dun regulamento interno en que se establezan as condicións mínimas de sanidade e calidade xenética que deben cumprir os animais participantes.
g) Contar coa colaboración da correspondente asociación de gandeiros oficialmente recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia para a realización do control de rendementos ou a xestión do libro xenealóxico, quen determinará as datas idóneas de celebración de acordo coa oferta de animais e coa dispoñibilidade técnica de organización do evento.
2. Para poder participar nas poxas, os animais:
a) Procederán de explotacións sometidas ás preceptivas normas sanitarias.
b) Estarán inscritos nos libros xenealóxicos das razas correspondentes.
c) Soamente poderán participar animais que sexan nados en Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será:
a) Para as poxas celebradas desde o 1 de agosto de 2019 ata á data de publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación.
b) Para as poxas que se celebren despois da publicación da orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da celebración da poxa.