CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade (código de procedemento BS403C).
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión, ou contar cando menos cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:
1º. Técnico/a superior en Educación Infantil.
2º. Grao en Mestre/a de Educación Infantil/Educación Primaria.
3º. Grao en Pedagoxía, Psicoloxía ou Educación Social.
4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.
5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís, ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.
b) Residir nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.
c) Contar cun inmoble nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.
d) Dispoñer dun plan de actuación cos nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.
e) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta revisión médica deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.