martes, 16 de abril de 2019

SUBVENCIÓNS PROGRAMA REENCONTROS NA TERRA PARA RESIDENTES NO EXTERIOR DURANTE O ANO 2019

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa Reencontros na Terra para o ano 2019, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra, mediante un período de estadía nunha residencia e, posteriormente, coas súas familias, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Persoas beneficiarias
As persoas emigrantes galegas que reúnan os requisitos establecidos nos números 1, 2, 3 e 4 da resolución da convocatoria:

1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1.1. Ser emigrante galega.
1.2. Ter a nacionalidade española.
1.3. Residir en América de maneira continuada, como mínimo, durante os últimos dez (10) anos.
1.4. Ter, cando menos, 65 anos feitos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
1.5. Non ter participado nos últimos dez (10) anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.
1.6. Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.
1.7. Contar co consentimento de familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que residan con eles se deciden prolongar a súa estadía en Galicia.
1.8. Ter ingresos inferiores a dúas veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social do Estado español para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.
Non obstante, estas contías, por proposta do órgano instrutor, poderán ser modificadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para aqueles países en que teña aumentado o índice de prezos de consumo por riba dun 3 %, no momento de resolución da convocatoria.

2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre e cando estas residan en América, cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.5 e 1.6 e presenten a documentación xustificativa.

3. Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

4. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.