INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), correspondente ao código VI420A.
Así mesmo, por medio desta resolución procédese á convocatoria destas subvencións para o exercicio económico de 2019.
Persoas beneficiarias
Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean contemplados no seu ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:
a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.
c) Que sexan seleccionadas conforme á prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto desta resolución e conforme á disposición orzamentaria existente.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación da solicitude será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e no mes de vencemento. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.