miércoles, 24 de abril de 2019

AXUDAS ÁS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL (EIL) E ÁS SÚAS ENTIDADES PROMOTORAS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (código de procedemento TR356A).

Obxecto
Promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, previamente cualificadas no rexistro administrativo de Galicia.

Entidades beneficiarias
1. As empresas de inserción laboral inscritas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción Laboral de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos na orde de convocatoria para a axuda deste programa.
2. As empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para este programa comeza o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de setembro de 2019. Para este programa cada entidade só poderá presentar unha única solicitude.

Período subvencionable e xustificación das axudas
O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019.
A xustificación desta axuda deberá realizarse, como máximo, o 15 de novembro de 2019.


Programa II: axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social (código de procedemento TR356C).

Obxecto
Promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, previamente cualificadas no rexistro administrativo de Galicia.

Entidades beneficiarias
1. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral que cumpran as condicións e os requisitos establecidos na orde para os distintos tipos de axudas.
2. As empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral.

Tipos de axudas
1. As empresas de inserción laboral poderán acceder aos seguintes tipos de axuda deste programa (TR356C):
a) Asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EIL.
b) Inicio e posta en marcha da actividade.
c) Creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción.
d) Contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción necesarias para garantir a viabilidade da EIL.
e) Contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción.
f) Formación para as persoas en proceso de inserción.
g) Mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario da persoa en situación ou risco de exclusión social.
2. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán ser beneficiarias das axudas indicadas nas letras a) e e). Se a subvención a solicitan as entidades promotoras, non poderán solicitala a empresa ou as empresas de inserción laboral que promovan.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para todos os tipos de axudas deste programa comeza a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 30 de setembro de 2019.