jueves, 4 de abril de 2019

PRESTACIÓN ECONÓMICA DE PAGAMENTO ÚNICO POR FILLAS E FILLOS MENORES DE TRES ANOS PARA 2019

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas cales se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2019 (código BS410A).

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos nados entre o 1.1.2016 e o 31.12.2017, ambos os dous días incluídos, e que, durante o ano 2017, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.
Serán igualmente beneficiarias desta prestación as fillas ou fillos adoptados ou acollidos mediante resolución, xudicial ou administrativa, ditada entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2017.
2. Nos supostos de que exista unha resolución xudicial que atribúa a custodia exclusiva a unha das persoas proxenitoras, a persoa beneficiaria será aquela que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido na dita resolución.
3. Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a formada polo pai e/ou a nai que teña/n a custodia do ou da menor por quen se solicita a axuda e os fillos e fillas da persoa solicitante.
4. En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.
5. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais, deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.
6. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Tipo de axuda e contía
A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:
a) Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.
b) Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.
c) Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será de trinta e cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.