miércoles, 24 de abril de 2019

SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DO BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL DESTINADO AO ALUGAMENTO DE VIVENDAS PARA AS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA


Obxecto e réxime das subvencións
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as persoas vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que se tramitará co código de procedemento VI482C.
2. A concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, a través de convocatoria pública, mediante resolución da persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
As subvencións do Programa do bono de alugueiro social con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero están destinadas a atender as seguintes unidades de convivencia:
a) As das mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación.
Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, con resultado de morte.
b) As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.
2. Para os efectos desta orde, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha mesma vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

Solicitudes
1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpore como anexo I á correspondente resolución de convocatoria, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.
Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia, salvo nos supostos en que as persoas solicitantes sexan as fillas e/ou fillos menores de 30 anos orfos. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas; todas as demais se terán por inadmitidas.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
4. No modelo de solicitude a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:
a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade, con indicación do seu importe.
c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no artigo 3.3.g) das bases reguladoras.
d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non existe vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grado, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.
e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugueiro ou a declaración responsable, de ser o caso, dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes.
f) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
h) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

Procedemento de concesión e requirimentos de emenda
1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente resolución de convocatoria da persoa titular da Presidencia do IGVS.
2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria, e rematará, en todo caso, co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que se fará constar no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
3. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, e advertirase de que, no caso de non atender o requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario, resolverá o que segundo dereito proceda.