CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL
Obxecto
1. O obxecto é a oferta de prazas para as estadías e os tratamentos termais dentro do programa de Benestar en balnearios 2019 e realizar á súa convocatoria (código do procedemento BS607A).
2. Para tal efecto, enténdese por establecementos balnearios aqueles que dispoñen de augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública segundo o artigo 2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Persoas beneficiarias e requisitos
1. Serán persoas beneficiarias do programa de Benestar en balnearios aquelas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e, neste caso, reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
b) Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos ou fillas que acudan en calidade de acompañantes.
d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.
2. A persoa solicitante poderá ir acompañada:
a) Do seu ou da súa cónxuxe ou, se fose o caso, a parella de feito ou persoa con quen teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a) do número primeiro.
b) Dun fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este o poida facer sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpra os requisitos citados no número 1, agás o da letra a).
c) Dunha persoa coa que desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos citados no número 1.
3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar a solicitude será dun mes desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.