jueves, 11 de abril de 2019

AXUDAS ÁS AGRUPACIÓNS EMPRESARIAIS INNOVADORAS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


 Obxecto
As presentes bases teñen por finalidade o fomento da competitividade, da innovación e da cooperación empresarial en distintos sectores da actividade económica en Galicia mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais (clúster) innovadoras galegas para a realización de actividades neses campos.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións empresariais (clúster) innovadoras, segundo a definición do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño), que cumpran todas estas condicións:
a) Que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster.
b) Que representen un ámbito de actividade/sector definido como prioritario segundo a orientación sectorial do documento Axenda da Competitividade Industrial Galicia: Industria 4.0.
1º. Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.
2º. Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.
3º. De soporte da nova industria: telecomunicacións, enerxía, loxística.
c) Que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Que representen un ámbito de actividade cuxa facturación conxunta en Galicia supere o valor do 1 % no PIB da Comunidade Autónoma no ano 2017.
e) Que, cando menos, o 60 % dos seus asociados directos sexan empresas e, destas, que o 50 % ou máis dispoñan dun centro de traballo en Galicia.
f) Que teñan como socios directos un número de empresas que cumpra, cando menos, con dous dos tres seguintes requisitos:
1º. 30 % da facturación do ámbito de actividade englobado.
2º. 10 % das empresas do ámbito de actividade.
3º. 20 % do emprego do ámbito de actividade.
g) Capacidade tecnolóxica e de innovación. O clúster deberá contar con centros tecnolóxicos propios ou postos á súa disposición mediante colaboración con outras entidades. Neste último caso, só se considerarán válidos para estes efectos os acordos de colaboración con contidos específicos respecto da innovación e da tecnoloxía. Rexeitaranse os acordos con contidos de carácter xeral, de xestión ou administrativos aínda que estean asinados con centros ou institucións tecnolóxicas.
h) Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar un negocio de proximidade ou local.
i) Capacidade de execución de proxectos que impliquen os seus asociados. O clúster deberá acreditar esta capacidade mediante memoria de actividades realizadas nos últimos tres anos, enumerando e describindo brevemente os proxectos desenvolvidos xunto cos seus asociados ou promovendo a súa participación, tivesen ou non financiamento público. Considerarase que ten esta capacidade se acredita a execución de, polo menos, dous proxectos por ano.
2. Tamén poderán ser beneficiarias as entidades que, sen cumpriren calquera das condicións d), e), f) ou g) do número anterior, teñan en vigor na data da solicitude o recoñecemento como AEI (agrupación empresarial innovadora) dentro do programa de excelencia do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, ou ben que posúan a etiqueta Gold de excelencia na xestión de clúster expedida pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.