lunes, 1 de abril de 2019

PROGRAMA DE AXUDAS PARA A CONCESIÓN DE ESTADÍAS DE TEMPO LIBRE PARA MULLERES SOAS CON RESPONSABILIDADES FAMILIARES NON COMPARTIDAS

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
Estas axudas, que se conceden en réxime de concorrencia competitiva, teñen por obxecto proporcionarlles ás persoas beneficiarias, citadas no punto anterior, estadías de tempo libre, que se desenvolverán preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de setembro, incluíndo servizos de aloxamento, en réxime de pensión completa, traslado de ida e volta desde o seu concello de residencia, equipo de monitoras/res e actividades complementarias, que serán gratuítos para as persoas beneficiarias, cun máximo de 90 prazas. A súa finalidade é facilitarlles un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer, reforzando o seu vínculo materno-filial nun ambiente de seguridade, respecto e bo trato como modelo de convivencia.

 Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta convocatoria as mulleres, preferentemente vítimas de violencia de xénero, que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:
a) Ter fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos.
b) Non convivir con parella afectiva.
c) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
d) Que os ingresos brutos mensuais da solicitante non superen o límite do importe de 1,5 veces o IPREM vixente.
e) Non padecer ela, nin as fillas/os menores e/ou menores en acollida que a acompañen, unha enfermidade que requira illamento e/ou que impida a normal convivencia.
2. Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das súas fillas/os menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, ambos inclusive, na data de presentación da solicitude.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.