martes, 24 de marzo de 2026

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE CREACIÓN, PRODUCIÓN, PROMOCIÓN E DIFUSIÓN MUSICAL, 2026

 Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical, e se procede á convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT207L).

Finalidade
Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para proxectos de creación, produción, promoción e difusión musical.

Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as empresas e as persoas traballadoras autónomas con sucursal ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade habitual en Galicia e que se dediquen ao management de artistas ou formacións musicais ou á edición fonográfica.
Enténdese por management a xestión, promoción, asesoramento e planificación da carreira profesional de artistas e formacións musicais nun mercado profesional e competitivo.
Enténdese por edición fonográfica a fixación de audio nun soporte para a súa comunicación ou publicación.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.