martes, 31 de marzo de 2026

PROGRAMA CONECTA CON GALICIA NO CAMIÑO 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia no Camiño, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR930D).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta con Galicia no Camiño, para o ano 2026, que ten por finalidade facilitarlles aos participantes o enriquecemento persoal a través da realización de actividades que lles procurarán un maior coñecemento do territorio e da situación sociocultural actual de Galicia, a través do percorrido de distintos tramos do Camiño de Santiago ata chegar a Compostela e doutras actividades complementarias (código de procedemento PR930D).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2026.
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Con carácter xeral, poderán optar a unha praza para participar neste programa os mozos e as mozas con residencia habitual no estranxeiro que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter unha idade comprendida entre os 18 e os 21 anos o día 20 de xullo de 2026.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendentes de persoa emigrante galega residente no exterior.
c) Ter a nacionalidade española.
d) Encontrarse vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de tres (3) meses contados desde o día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
e) Carecer de discapacidades e outros impedimentos que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.
2. Ademais deses requisitos xerais, as persoas solicitantes, en función da modalidade de financiamento a que opten, deberán ter en conta as seguintes disposicións:
No caso de optaren ás prazas con financiamento do 100 %, o importe total dos ingresos e rendas que perciban todos os membros da unidade familiar do solicitante non poderá superar o límite da cantidade que resulte do dobre da base de cálculo da prestación por razón de necesidade aprobada en 2026 para o país de residencia, ou, no caso de residir en Europa, do salario mínimo interprofesional no país de residencia para o ano desta convocatoria, multiplicado polo número de persoas que convivan menos unha.
As persoas interesadas restantes, que entendan que os ingresos da unidade familiar do solicitante supere ese tope, deberán optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria, e, no caso de seren seleccionadas, aboar, no prazo dos dez días seguintes ao da publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 800 € se residen en América, ou de 250 € se residen en Europa, en concepto de custo da viaxe. O correspondente importe seralle aboado directamente á empresa contratada pola Xunta de Galicia para os desprazamentos.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.