Axencia Galega das Industrias Culturais
Finalidade
Determinar as condicións de concesión das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a promoción exterior da industria audiovisual e dos videoxogos de Galicia que se convocan para o ano 2026.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias desta convocatoria as persoas que se describen a seguir, sempre que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia e cumpran cos requisitos establecidos nestas bases:
a) As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora audiovisual, produtora de videoxogos ou distribuidora audiovisual, que desenvolvan a súa actividade baixo as epígrafes 961.1 e 962.1 do IAE ou 582.1 e 620 da CNAE.
b) As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora baixo a epígrafe 961.1 do IAE, sempre que poidan acreditar un mínimo dun 20 % de propiedade da obra audiovisual do proxecto que se presenta a esta convocatoria.
c) As persoas físicas que figuren como responsables da dirección, ou do guión, da obra audiovisual do proxecto que se presenta a esta convocatoria.
Prazos de presentación de solicitudes
Os prazos para a presentación das solicitudes serán:
– Para eventos que se celebren entre o 16 de novembro de 2025 e o 31 de maio de 2026, iniciarase unha vez transcorridos cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e estará aberto como máximo ata o 1 de xuño de 2026, ás 20.00 horas. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte.
– Para eventos que se celebren entre o 1 de xuño de 2026 e o 31 de outubro de 2026, o prazo iniciarase o día 2 de xuño de 2026, ás 9.00 horas, e estará aberto ata o 15 de outubro de 2026, ás 20.00 horas.
Presentarase unha solicitude para cada evento.