viernes, 27 de marzo de 2026

BONOS ACTIVA COMERCIO 2026

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 12 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión no ano 2026 das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B).

Obxectivos
O obxectivo do programa bonos Activa comercio é incentivar a demanda comercial, axudando economicamente ás persoas consumidoras, así como fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.
Ademais, o programa ten como finalidades propiciar o fortalecemento do sector comercial retallista da Comunidade Autónoma de Galicia, dinamizar a actividade comercial promovendo as compras de bens en comercios, mellorar o fondo de manobra dos establecementos comerciais e paliar o impacto negativo derivado da actual situación inflacionista.

Actividade subvencionable
1. Por medio desta orde subvencionarase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa, así como a prestación dos correspondentes servizos no caso das epígrafes do IAE 972.1 e 972.2.
2. As vendas subvencionadas serán as que se realicen nas datas fixadas nas correspondentes ordes de convocatoria de cada unha das edicións do programa bonos Activa comercio.
3. Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 30 € para as compras realizadas nos comercios adheridos. Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento ou, de ser o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.
O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada, de acordo cos seguintes criterios:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
4. Os bonos Activa comercio non se poderán utilizar para a adquisición de tarxetas regalo, vales, bonos ou similares.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras. Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.

Alta e requisitos dos comercios para a adhesión ao programa
Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonos Activa comercio deberán rexistrarse na web www.bonosactivacomercio.gal indicando a seguinte información:
– Nome e apelidos ou razón social.
– Establecemento comercial en Galicia.
– NIF.
– Nome, apelidos e DNI ou NIE da persoa representante.
– Nome comercial.
– Enderezo do establecemento comercial.
– Número de teléfono móbil.
– Correo electrónico.
– IAE principal (incluído no anexo I).
– IBAN da conta bancaria.
– Páxina web do establecemento comercial.
2. A adhesión ao programa bonos Activa Comercio será única para todas as edicións do programa que se convoquen no ano 2026.
O prazo de adhesión comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de decembro de 2026 ou, de ser o caso, ata o esgotamento do crédito da última edición convocada.
3. Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.
b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas, de conformidade co previsto no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.
4. A alta e o uso da aplicación polas persoas comerciantes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade, conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, do cal serán informadas convenientemente.
5. Na alta para a adhesión ao programa as persoas comerciantes poderán outorgar a súa autorización para recibir información das axudas, actuacións e programas que poña en marcha a Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
6. As persoas comerciantes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigadas a cumprir. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá comprobar e, de ser o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
7. Non se admitirán nin se terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta orde.
8. O nome comercial e a localización dos establecementos retallistas adheridos ao programa bonos Activa comercio farase pública na web www.bonosactivacomercio.gal
9. As persoas comerciantes adheridas ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento, agás no suposto previsto no artigo 20 destas bases reguladoras.