jueves, 12 de marzo de 2026

SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS DOS ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS DE ALOXAMENTO E DE RESTAURACIÓN 2026

 Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TU503A).

Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TU503A). En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) Os restaurantes incluídos no Grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, debidamente inscritos e clasificados no REAT.
2. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2026. En ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento anteriores á dita data.
3. En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:
3.1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
3.2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.
3.3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
3.4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento da contorna da instalación.
3.5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
3.6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire.
3.7. Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento. O investimento en equipamentos e telefonía móbil non poderá ser superior ao 5 % do orzamento total do proxecto ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.
3.8. Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.
4. O investimento neto admitido será de ata 100.000,00 euros. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase a persoa solicitante para que reaxuste o proxecto que se vai executar ao citado límite.
Enténdese por investimento neto o importe orzamentado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido.
5. Se a actuación o require, o titular deberá contar coa correspondente licenza de obras ou, se é o caso, xustificante da comunicación previa ao concello. A dita documentación deberá presentarse no momento da xustificación da subvención.
6. Así mesmo, se as actuacións supoñen un cambio ou reforma substancial, será preciso presentar a declaración responsable a que fai referencia o artigo 42 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, ante a área provincial correspondente.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20 de maio), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.
Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
2. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria para a realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 20.b) destas bases.
3. Deberá acreditarse unha antigüidade da actividade turística de aloxamento e restauración no establecemento para o cal se solicita a subvención non inferior a 5 anos á data de solicitude da axuda (tanto da actividade como do establecemento). Para estes efectos, tomarase como data de referencia para o cálculo da antigüidade a data de inscrición no REAT.
4. Os requisitos para ser beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
5. Non poderán obter a condición de beneficiaria:
– Aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
– Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
6. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa beneficiaria da subvención, por cambio na titularidade do establecemento, terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, subrogándose o novo titular na posición xurídica de persoa beneficiaria da subvención e nas obrigas dimanantes desta.

Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
4. Só poderá presentarse unha única solicitude por establecemento. No caso de que un mesmo titular teña varios establecementos inscritos no REAT, terá que presentar unha solicitude por cada establecemento.
5. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:
a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.
b) Se se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha axuda de minimis.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas das previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Que non foi sancionada con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
g) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 20 das bases reguladoras.
h) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20 de maio).

Información ás persoas interesadas.
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:
a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions
b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU503A.
c) Os teléfonos 981 54 63 63 e 981 54 74 05.
d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal