VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN
Obxecto
A concesión de subvencións para o impulso da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos.
Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nas bases reguladoras:
a) Os concellos galegos que conten cun mercado co selo de mercado excelente outorgado de conformidade coa Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de mercado excelente na Comunidade Autónoma de galicia, ou aqueles que estean no proceso para a súa obtención.
Os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
b) As federacións e asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
En todo caso, as federacións e asociacións deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e estaren ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.