CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE
Obxecto
Establecer as bases reguladoras e convocar axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades xestionado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia (código de procedemento BS623D).
O contido dos programas deberá axustarse ás liñas de actuación sinaladas a seguir, segundo a tipoloxía de cada programa:
a) Liña I: actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica.
b) Liña II: actuacións de inclusión social.
c) Liña III: actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio a persoas maiores ou con discapacidade.
d) Liña IV: proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou con discapacidade.
e) Liña V: actuacións destinadas á mocidade.
f) Liña VI: actuacións destinadas ao voluntariado.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos, sen prexuízo de cumpriren os requisitos específicos establecidos no artigo 5 para cada liña de actuacións subvencionable, se é o caso:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.
A/s entidade/s solicitante/s de axudas para a realización de programas recollidos nas liñas I, II, III e/ou execución de proxectos de investimento recollidos na liña IV deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Xuventude.
A/s entidade/s solicitante/s de axudas para a realización de programas recollidos na liña V deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Xuvenís (REX) da Consellería de Política Social e Xuventude, agás no caso de entidades solicitantes de natureza fundacional legalmente constituídas que entre o seu obxecto social e finalidade inclúan a realización de actuacións destinadas á protección, promoción e mellora da mocidade.
A/s entidade/s solicitante/s de programas da liña VI deberán estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia (RAV) da Consellería de Política Social e Xuventude.
O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio polo órgano da Administración convocante.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades que a integran e a dita agrupación presente a solicitude de inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.
No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente que se extinguen, entenderase cumprido o requisito sempre que a entidade que se extingue estivese constituída con dous anos de antelación á data de publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais ou no Rexistro de Acción Voluntaria, de ser o caso. A nova entidade, en todo caso, deberá solicitar a súa inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparte beneficios, que no caso de liquidación ou disolución o seu patrimonio se destinará a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
d) Figurar nos estatutos da entidade solicitante que os seus fins institucionais son a realización e a execución de programas sociais de similar natureza á dos programas de interese xeral para fins de carácter social para os que solicita a subvención.
e) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na mesma liña do anexo I a que concorre, e que se posúen os medios persoais e materiais necesarios para iso, mediante declaración responsable do representante legal.
No caso de que solicite axuda para un proxecto de investimento da liña IV, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña III do dito anexo I.
No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades que a integran. No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente que se extinguen, entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade que se extingue.
2. Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
3. No caso de entidades que formen parte de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de entidades sociais de ámbito autonómico, a solicitude das axudas realizarase sempre a través da entidade en que estean integradas e non de forma individual.
No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante. En todo caso, cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.
4. Dentro dos límites da lexislación autonómica, tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades sen personalidade xurídica que recollan nos seus acordos de constitución similares fins institucionais, nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.
b) As entidades agrupadas deberán achegar un acordo en que se indiquen os compromisos de execución asumidos por cada unha delas como membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a condición de entidades beneficiarias.
c) Deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes suficientes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza aos citados anteriormente.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Outros datos
Consideraranse gastos subvencionables os que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios, que se efectúen durante o ano 2023 e sexan efectivamente pagados antes do 15 de marzo de 2024.
O pagamento do 100 % do importe da subvención concedida realizarase dunha soa vez en concepto de anticipo, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución e, en todo caso, na anualidade 2022.
O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva e non se poderá conceder subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 60 puntos.