martes, 27 de septiembre de 2022

SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA PARA A DOTACIÓN E MELLORA DE SERVIZOS

 ÁREA DE COOPERACIÓN E ASISTENCIA AOS CONCELLOS-DEPUTACION DE LUGO

ANUNCIO DE CONVOCATORIA E BASES QUE REXERÁN A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS, EN RÉXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA, DENTRO DO PROGRAMA PARA A DOTACIÓN E MELLORA DE SERVIZOS COMUNITARIOS PARA O ANO 2022

Definición do obxecto da subvención.
Constitúe o obxecto desta convocatoria a ordenación do procedemento aplicable á concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, no marco do “Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios” ano 2022, para sufragar gastos derivados de investimentos/equipamentos (inversións) coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

Beneficiarios: Requisitos e Obrigas.
- Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións convocadas as asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas, comunidades de montes, asociacións de mulleres rurais e asociacións de gandeiros e agricultores ou de produtores forestais, todos eles legalmente constituídos e debidamente inscritos no rexistro público correspondente, así como as agrupacións de veciños (integradas como mínimo por 3 persoas), para a realización de inversións, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos que lles corresponda o dereito de uso coa finalidade de mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, contribuíndo deste modo a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.
Os beneficiarios deberán ter o domicilio social na Provincia de Lugo. No caso das agrupacións sen personalidade xurídica, cada un dos membros da mesma deberá ter a súa residencia na provincia de Lugo o que se acreditará co domicilio que conste no DNI ou, no seu caso, certificado de empadroamento.
2. Cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta do primeiro terán igualmente a consideración de beneficiarios.
3. Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención a aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigacións que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
Nestes supostos a agrupación debe ter unha conta bancaria mancomunada na que consten como mínimo tres persoas integrantes da mesma. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da LSG.
-Requisitos:
Poderán acceder á condición de beneficiarios das subvencións, as entidades que se atopen na situación que fundamenta a súa concesión e nas que non concorra ningunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da LSG e nos artigos 11 e 13 da LXS. No caso de agrupacións sen personalidade xurídica, cada un dos integrantes da mesma deberá cumprir con estes requisitos da LSG e LXS.
-Obrigas:
Os beneficiarios estarán sometidos en todo caso ás obrigacións previstas nos artigos 11 e 29.4 da LSG e nos artigos 14 e 31.4 da LXS, así como os que se deriven do contido das presentes bases.
Exclusións:
En calquera caso, non poderán obter a condición de beneficiario:
- As entidades en quen concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da LSG e nos artigos 11 e 13 da LXS.
- As entidades que non se achen ao corrente no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes, e que non se achen ao corrente de pago de obrigacións por reintegro de subvencións.
- En ningún caso poderán acceder á condición de beneficiario cando teñan pendentes de xustificación
subvenciones outorgadas pola Deputación de Lugo, sempre que o prazo establecido para a súa presentación finalizase.

Prazo de Solicitude
O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, a contar dende o día seguinte ao da publicación no BOP da provincia de Lugo do extracto da convocatoria.