VALEDOR DO POBO
1. Obxecto.
Estas bases teñen como obxecto regular a concesión dos III premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.
2. Requisitos.
Os traballos deberán destacar polo seu elevado valor en materia de igualdade e dereitos das mulleres.
Os dereitos sobre os traballos presentados non poderán estar cedidos a terceiros con carácter de exclusividade.
Os traballos deberán ter sido lidos, defendidos ou xulgados e aprobados, segundo proceda, ante calquera universidade galega durante o curso académico 2021/22.
Os traballos serán presentados en idioma galego ou castelán. No caso de que se presentasen en idioma distinto dos anteriores, deberá achegarse tradución.
3. Solicitudes.
As solicitudes axustaranse aos modelos de instancia que figuran como anexos I e II, que estarán á disposición das persoas interesadas no enderezo electrónico da Valedoría do Pobo (www.valedordopobo.gal), da Universidade de Santiago de Compostela (www.usc.es), da Universidade da Coruña (www.udc.es) e da Universidade de Vigo (www.uvigo.es), e no Rexistro da Valedoría do Pobo (rúa do Hórreo, nº 65, 15701 Santiago de Compostela, A Coruña), das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 19.00 horas, de luns a venres, e nos rexistros das universidades asinantes.
Coas solicitudes presentarase a seguinte documentación:
a) Traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en formato papel e en formato electrónico (CD ou pendrive en formato word, libreoffice ou LaTeX), totalmente anonimizados (anexo I).
b) Así mesmo, xuntarase un sobre pechado que no exterior indique o título do traballo e no seu interior a persoa autora, o departamento, a facultade e a universidade (anexo II). Este permanecerá en custodia do secretario xeral da institución ata o ditame do xurado, momento en que se abrirá.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude unicamente a un dos premios.
As identificacións que resulten precisas en aplicación da normativa de rexistros serán custodiadas unicamente polos funcionarios responsables e permanecerán ocultas para o xurado.
Lugar e prazo de presentación.
Os traballos, dirixidos á valedora do Pobo, presentaranse no Rexistro da Valedoría do Pobo ou nos rexistros da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade da Coruña ou da Universidade de Vigo, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No suposto de que non se presenten no rexistro das entidades convocantes deberá enviarse, dentro do prazo de presentación, unha comunicación vía correo electrónico (rexistro@valedor-dopobo.gal), en que se detalle o medio utilizado de presentación, evitando a identificación persoal, segundo o modelo que consta no anexo III.
As solicitudes presentaranse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 15 de novembro de 2022. As persoas interesadas poderán consultar as bases da convocatoria no DOG e nas páxinas web da Valedoría do Pobo e das universidades galegas.
Se a solicitude non reúne os datos ou os documentos exixidos, a persoa interesada disporá de 10 días hábiles para corrixir a falta ou achegar os documentos preceptivos desde a recepción da notificación de emenda. No caso de que non o fixer, será considerada desistida da súa petición.
Sen prexuízo do anterior, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a valoración do traballo presentado. De non facelo, será considerada desistida da súa petición.
As comunicacións realizaranse exclusivamente a través do enderezo de correo electrónico proporcionado polas persoas solicitantes.