AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS
Finalidade
Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro, e convocar as ditas axudas para o ano 2022.
Persoas beneficiarias
1. Poden ser beneficiarias das distintas modalidades das subvencións, persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais.
2. Poden ser tamén beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.