AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Obxecto
A finalidade dos premios é recoñecer o labor de profesionais e empresas galegas pola súa excelente contribución á innovación como un elemento indispensable no desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial, acadando con iso altas cotas de competitividade nos mercados, tanto galegos como nacionais e internacionais.
Así mesmo, trátase de recoñecer os profesionais e as empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e as empresas que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade empresarial.
Beneficiarios
Poderán cursar candidatura aos Premios Galicia de Innovación e Deseño as persoas físicas nacidas en Galicia. Así mesmo, poderán optar aos premios as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia, validamente constituído, que manteña a súa actividade. En ambos os casos, en función da modalidade a que concorran, deberán posuír as seguintes características:
a) Premios Galicia de Innovación:
Premiarán persoas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor da innovación empresarial.
– Modalidade «Traxectoria Innovadora»: empresarios/as e profesionais cunha traxectoria de polo menos dez anos en que a innovación fose unha das súas características relevantes.
– Modalidade «Grande Empresa»: grandes empresas cunha actividade innovadora de polo menos dez anos.
– Modalidade «Pequena e Mediana Empresa»: pequenas e medianas empresas con demostrada actividade innovadora de polo menos cinco anos.
b) Premios Galicia de Deseño:
Premiarán persoas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor do sector do deseño.
– Modalidade «Profesionais»: profesionais do deseño (persoas físicas ou equipos de profesionais) cunha traxectoria de polo menos dez anos de recoñecido prestixio no sector.
– Modalidade «Empresas»: empresas consolidadas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante polo menos dez anos.
– Modalidade «Talento Emerxente»: dirixido a aqueles creadores cunha idade que non exceda os trinta e cinco anos no día de presentación da candidatura e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.