CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento MR506A, MR506B).
2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia.
Ámbito de aplicación e requisitos
1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 2 da orde:
a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas de titularidade compartida contempladas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Ademais, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas, agrupacións de defensa sanitaria e asociacións de apicultores, con personalidade xurídica propia, na medida que os seus integrantes cumpran os requisitos establecidos no punto 2, «entidades apícolas».
2. Para acollerse ás axudas, as persoas apicultoras, a título individual ou como integrantes dunha entidade apícola, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser titular con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 dunha explotación apícola inscrita no Rexistro Galego de Explotacións Apícolas (Rgeap), fóra daquelas persoas que adquirisen a titularidade con posterioridade por falecemento, xubilación ou incapacidade laboral da anterior titular e sexan parentes desta en, como máximo, cuarto grao. Así mesmo, exceptúanse do devandito requisito os supostos de forza maior.
b) Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.
c) Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un Programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.
d) Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas.
e) Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002.
f) Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2021 antes do día 1 de marzo de 2022.
g) Teren realizada a validación anual do libro de rexistro de explotación apícola (CEAT) con resultado favorable antes do 1 de marzo de 2022, segundo o recollido no artigo 7, punto 2 do Real decreto 209/2002 e no artigo 6 do Decreto 339/2009, do 11 de xuño, sobre ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas na Comunidade Autónoma de Galicia.
As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas.
3. Para o caso das entidades apícolas, para ser beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír como mínimo 1.500 colmeas.
4. Unha mesma persoa apicultora só poderá ser beneficiaria da axuda para cada unha das súas colmeas por unha mesma liña, ben a título individual, ben como integrante dunha entidade apícola. Deberá indicar na solicitude individual da axuda as liñas que solicita a través dunha entidade apícola, de ser o caso.
Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha entidade apícola, ben sexa para unha ou varias liñas de axuda, non poderán solicitar a axuda como integrante doutra entidade apícola.
De ser o caso, soamente se terá en conta esa persoa apicultora na solicitude da entidade apícola que o inclúa como beneficiario naquela liña de axuda que ocupe o primeiro lugar atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 9.1 desta orde de axudas.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.