CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE
Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto proceder, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, á modificación parcial da Orde do 16 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2023, e a segunda convocatoria de subvencións para o financiamento das accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2022 e 2023 (código de procedemento TR301K).
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións a que se refire esta orde as entidades que, na data de entrada en vigor da segunda convocatoria, sexan titulares de centros ou entidades de formación acreditados e/ou inscritos para impartiren formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade ou naquelas competencias clave para as que soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.
As entidades deberán dispor, no ámbito territorial de Galicia, das instalacións debidamente acreditadas e/ou inscritas que permitan impartir as accións formativas solicitadas.
Así mesmo, os centros presenciais vinculados a entidades acreditadas e/ou inscritas para impartir especialidades formativas na modalidade de teleformación deberán estar homologados na correspondente especialidade na data de entrada en vigor da convocatoria e localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Accións formativas
As accións formativas estarán constituídas polas especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas, no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, relacionadas no anexo II da orde pola que se realiza a segunda convocatoria, e polos módulos transversais e complementarios recollidos no artigo 36 da Orde de bases reguladoras do 16 de abril de 2021.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Forma e lugar de presentación das solicitudes e documentación complementaria
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes
Execución da primeira convocatoria
As accións formativas correspondentes á segunda convocatoria non poderán comezar antes do 1 de setembro de 2022, polo que non se admitirá ningunha solicitude en que se consignen datas anteriores.
A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2022 será o 20 de decembro de 2022.
Para cursos que se desenvolvan durante as anualidades 2022 e 2023 ou exclusivamente durante a anualidade 2023, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de setembro de 2023.
En calquera caso, o inicio das accións formativas requirirá a validación previa, a través da aplicación informática SIFO, do cumprimento de requisitos e condicións, por parte de persoal técnico da unidade administrativa competente.