martes, 3 de mayo de 2022

PREMIOS DE EXCELENCIA ACADÉMICA AO ALUMNADO DE GRAO UNIVERSITARIO OFICIAL NO CURSO 2020-2021

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

ORDE do 19 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria dos premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2020/21 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar os premios de excelencia académica de grao do curso académico 2020/21 no Sistema universitario de Galicia.

Persoas destinatarias
1. Os premios destínanse ao alumnado universitario de grao oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2020/21 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.
2. Concederase un premio por cada un dos cursos en que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao, agás no derradeiro curso, e en cada un dos centros en que se impartan.
Para o alumnado dos programas de simultaneidade de graos estenderase o premio ata o penúltimo curso anual dos ditos programas.
No suposto de que o/a alumno/a estea matriculado/a en materias de varios cursos, segundo o programa de estudos, entenderase, para os efectos desta orde, que o curso polo cal opta ao premio será aquel en que estea matriculado/a de máis créditos. Na circunstancia de que o número de créditos sexa o mesmo, interpretarase que opta ao premio polo curso superior.

Ámbito de aplicación
No ámbito de aplicación desta convocatoria están incluídos:
1. Os graos oficiais impartidos nas universidades do Sistema universitario de Galicia.
2. Os programas de simultaneidade de graos impartidos nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Requisitos para obter os premios
O alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:
1. Non estar en posesión dunha titulación universitaria oficial.
2. Ter no curso académico 2020/21 unha nota media igual ou superior a 8 puntos.
3. Ter superado no curso académico 2020/21, con aproveitamento excelente, a totalidade dos créditos matriculados que, como mínimo, serán 60, excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.
4. Estar matriculado da mesma titulación no curso 2021/22.
5. A nota media do curso completo obterase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data do 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro) e na Resolución do 13 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dispón a publicidade do acordo da Comisión de Seguimento do protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos.
6. No cálculo da nota media só se terán en conta os créditos matriculados no curso académico 2020/21. Para estes efectos, non computarán para a media as cualificacións obtidas por créditos recoñecidos, validados ou adaptados.
7. Computaranse para o cálculo da nota media as materias recoñecidas en condición de mobilidade regulada a través dun convenio onde conste o recoñecemento para efectos plenos.
8. En caso de empate na nota media entre varias persoas, procederase ao desempate atendendo, en primeiro lugar, ao maior número de matrículas de honra; en segundo lugar, ao maior número de sobresalientes; e, por último, ao maior número de notables, obtidos no curso académico 2020/21.

Dotación do premio
1. Cada persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción.
2. No caso de existir remanente de crédito, as persoas premiadas que teñan unha nota media igual ou superior a 9 puntos recibirán unha contía complementaria de 500 euros, comezando desde os expedientes con maior nota media.

Procedemento para a determinación dos premios
1. Os premios outorgaranse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.
2. O órgano competente en materia de xestión académica de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia deberá:
a) Publicar na páxina web da universidade a relación provisional do alumnado seleccionado de acordo cos requisitos establecidos nesta convocatoria.
b) As persoas interesadas disporán dun prazo de cinco (5) días desde a súa publicación para efectuaren as súas reclamacións ante o órgano que publica en cada unha das universidades.
c) A universidade correspondente, unha vez resoltas as reclamacións formuladas, publicará na súa páxina web a relación definitiva do alumnado proposto para o premio.Nesa publicación informarase de que a dita relación será remitida á Secretaría Xeral de Universidades para que, xunto coas listaxes definitivas das outras universidades, sexa publicada na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade www.edu.xunta.gal
Así mesmo, indicarase que, desde a publicación da listaxe definitiva das tres universidades na web da dita consellería, o alumnado proposto ten que manifestar a súa aceptación expresa á Secretaría Xeral de Universidades no prazo de dez (10) días, utilizando para iso o anexo II desta orde, e advertiráselle que, de non a presentar nese prazo, se entenderá que renuncian ao premio.
d) A proposta de cada universidade remitirase á Secretaría Xeral de Universidades mediante a certificación incluída como anexo I desta orde, na cal constan os datos correspondentes ás persoas coa nota media máis alta en cada un dos cursos dos plans de estudos oficiais de grao de cada centro, así como dos programas de simultaneidade de grao.
e) A proposta presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O prazo para remitila será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A Secretaría Xeral de Universidades, unha vez recibidas as propostas das universidades do Sistema universitario de Galicia, publicará na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade www.edu.xunta.gal unha única listaxe co alumnado proposto.
As persoas propostas para o premio deberán manifestar a súa aceptación expresa á Secretaría Xeral de Universidades no prazo de dez (10) días, segundo o indicado no punto 2.c) deste artigo.
A aceptación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).