AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Consolida Bio para o apoio á consolidación do sector biotecnolóxico a través de plans de investimento e innovación, financiados no marco do eixe REACT-UE do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) de Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.
2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as ditas axudas para o ano 2022 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva; as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE núm. 187, do 26 de xuño).
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas micro, pequenas e medianas (pemes), segundo as definicións contidas no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, que cumpran os seguintes requisitos:
• Deberán cumprir ter domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda. En caso de non ter este centro de traballo no momento de presentar a súa solicitude, deberán achegar unha declaración da entidade solicitante que acredite o seu compromiso de establecerse en Galicia nun prazo máximo dun mes desde a resolución.
• Estaren constituídas, como máximo, nos 8 anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á presente convocatoria, para o cal se terá en conta a data de outorgamento da escritura de constitución da empresa.
• Contaren con ingresos por facturación nos dous últimos anos.
• Terán produtos innovadores con posibilidades de levar ao mercado a curto prazo, para o cal terán que presentar produtos/servizos innovadores nun nivel mínimo de TRL 5-8.
• Contaren cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3.
• Teren as contas anuais correspondentes aos dous últimos exercicios pechadas, depositadas no Rexistro Mercantil ou rexistro oficial correspondente. No caso de empresas de nova creación, a previsión do balance e a conta de resultados do primeiro ano de funcionamento.
2. Deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 23.4 da presente resolución.
3. Achegarán ao plan de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Para estes efectos, a Gain poderá exixir nas resolucións de concesión un determinado nivel de fondos propios que deberá acreditar o beneficiario.
4. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias que así o declaren teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) núm. 651/2014, e que non son empresas en crise.
5. Quedan excluídas e non serán admitidas as solicitudes que concorran nas seguintes condicións:
• Aquelas microempresas, pequenas e medianas empresas e as súas empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial que xa resultasen beneficiarias do programa InnovaPeme das convocatorias de 2020 e 2021, e/ou do apoio aos proxectos Neotec que fosen financiados pola Axencia Galega de Innovación, por superaren o limiar de puntuación pero que non obtivesen financiamento por non dispoñibilidade de crédito no CDTI.
• As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
• As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.
• Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se crease especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral, que non teña carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión ou nomeen a máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
• Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
• Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise, de acordo coa definición de empresa en crise establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE. As empresas cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
• Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), ou que incumpran as obrigacións do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.